O meu Concello  

Coñecer Ribadumia en dous días

 

Proposta para coñecer os aspectos diferenciadores de Ribadumia durante unha estancia de dous días no municipio, combinando, actividades de sendeirismo e natureza, gastronomía e cultura.

Descárgate o Plan en PDF (1,57 Mb)

Ribadumia
 
 

Xornada 1

• Senda fluvial do Río Umia

Un dos atractivos de Ribadumia, sen dúbida, está nas súas sendas fluviais. Máis de dez quilómetros de sendas nun contorno privilexiado e dunha gran beleza paisaxística, acompañados de muíños, lavadoiros e fontes, que aportan unha importante riqueza etnográfica.

A senda máis importante nace no lugar de Pontearnelas, na ponte medieval denominada “ponte dos padriños”, en referencia a unha lenda que fala de antigos rituais de fertilidade.

Desde Pontearnelas, a senda inicia un percorrido de case seis quilómetros, cinco dos cales transcorren paralelos ao río Umia, por unha paraxe de ribeira de gran beleza. A medio camiño, a senda cruza a ponte de Cabanelas, en cuxo contorno hai unha área recreativa, e chega á ponte de Barrantes, onde, no contorno de outra área recreativa, o camiño abandona a ribeira do Umia para seguir pola beira dun dos seus afluentes: o Armenteira ou Rande. Finalmente, a ruta remata no lugar de Os Castaños, nas inmediacións da oficina de turismo, onde enlaza con outra importante senda, a “ruta da pedra e da auga” .

Podes deixar o coche en varios puntos ó longo do percorrido, pero o noso consello é que aparques no espazo contiguo á oficina de turismo ou en ponte Arnelas, e fagas o percorrido lineal de ida e volta. En total, menos de doce quilómetros dunha senda de dificultade baixa apta para toda a familia, logo dos cales xa podes pensar en recuperar forzas.

Unha vez rematada a ruta, será unha boa hora para comer ou tomar algún refresco. Ó longo de todo o concello dispoñemos de establecementos de hostalería locais, todos eles cun elemento común: o trato familiar. En calquera deles, pódese desfrutar dunha gastronomía tradicional e caseira, ademais de probar o noso produto estrela, o viño Tinto Barrantes.

 

• Ruta da Camelia ó seu paso por Ribadumia

Se nos achegamos á parroquia de Lois, poderemos atopar O Pazo Quinteiro da Cruz. A propiedade conta con elementos románticos, fontes de pedra, xardíns, estatuas e reloxos de sol. Tamén ten dous cruceiros -dos que destaca o máis próximo á casa-, e dous hórreos (un grande de pedra de máis de 15 m. de lonxitude e outro de pedra e madeira, situado sobre un estanque ao que se chega por dobre escalinata de pedra), unha capela do s. XVI, unha pila bautismal de finais do s. XII, pombal ameado e lavadoiro, que evocan un aire romántico de carácter profundamente galego.

Este pazo está dentro do circuíto “Ruta da Camelia”, composta por xardíns vencellados á cultura da Camelia e de gran interese turístico, histórico e artístico. Seguindo esta ruta, pódense percorrer os mellores xardíns de Galicia, onde as camelias florecen en milleiros de variedades distintas. Toda unha experiencia visual que non se pode deixar pasar se se visita Ribadumia.

 

Os xardíns do pazo son dun alto interese botánico e ornamental, con multitude de especies, tanto autóctonas coma foráneas, que foron introducidas ao longo dos anos. Están rodeados por viñedos de albariño e un bosque autóctono. As camelias son as verdadeiras protagonistas, florecendo uns 5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades de diferentes especies. Incluso algunha delas chegou a acadar o premio Camelia de Ouro en varias ocasións.

Para rematar o día, unha boa opción é relaxarse tomando algo nalgún dos locais de ocio do municipio. Ademais, nas fins de semana é habitual que haxa algún concerto ou actuación musical en directo na zona de Barrantes.

 

Xornada 2

Pola maña, propoñemos percorrer a parte inicial da “Ruta da pedra e da auga“, tamén chamada “Ruta dos muíños de Barrantes” . Este percorrido, de algo máis dun quilómetro, constitúe unha senda de gran beleza e cun gran valor etnográfico, debido á presenza de innumerables muíños de auga a carón do río Rande. A ruta completa consta de 7 quilómetros, ata rematar no mosteiro da Armenteira, no municipio veciño de Meis.

Estas dúas sendas forman parte da variante espiritual do Camiño Portugués, unha variante do Camiño a Santiago que parte de Pontevedra, se desvía da ruta tradicional polo concello de Poio e baixa polo outro lado do monte Castrove. Logo, volve enlazar co camiño de Santiago en Vilanova, tanto a través da variante coñecida como “ruta Padre Sarmiento” , como do coñecido como “camiño do mar” , unha ruta fluvial que chega a Santiago a través da ría de Arousa, sinalada na parte mais alta por unha liña de cruceiros de pedra.

• Patrimonio Cultural e Relixioso

Monte do Castro
Outro dos lugares imprescindibles para visitar atopase agochado nun outeiro de Ribadumia. Trátase dun importante legado arqueolóxico: o castro de Besomaño. O Xacemento arqueolóxico do Monte do Castro está situado entre as parroquias de Leiro e Besomaño, no Concello de Ribadumia. Tipográficamente, emprázase sobre un alto cun amplo dominio do val final do río Umia. O castro presenta unhas dimensións medias, no contexto do poboamento característico da Idade do Ferro e, no val do Umia, parece ser un dos de maior envergadura.

Polo que sabemos das intervencións promovidas polo Concello de Ribadumia e a Deputación de Pontevedra, pode avanzarse que o Monte do Castro foi obxecto dunha ocupación e reocupación densa desde o século IV a.C. ata o século I d.C. Achegarse ao Castro de Besomaño, camiñar por entre os restos do poboado, observar as vistas do Salnés desde o alto da súa coroa..., é unha interesante maneira de axexar no noso pasado e de recuperar a sensación que os poboadores doutra época tiñan cando miraban desde alí arriba un mundo no que non había asfalto nin formigón.

Igrexas parroquiais
Pola tarde desta segunda xornada, recomendamos percorrer o concello para coñecer algunha das igrexas parroquiais. Seis son as parroquias que compoñen Ribadumia: San André de Barrantes, Santa María de Besomaño, San Xoán de Leiro, San Fins de Lois, Santa Baia de Ribadumia e San Clemenzo de Sisán. A igrexa de cada unha destas parroquias garda as súas peculiaridades. As igrexas do concello de Ribadumia son todas de datación medieval, mais as diferentes reformas e modernizacións foron mudándolle o aspecto. Visitar as igrexas de Ribadumia, ollar os seus detalles construtivos, como os restos das igrexas orixinais mesturados coas reformas máis recentes, etc., supón un percorrido pola historia do noso concello.

Pazos
Outra opción para coñecer parte da historia da vila é visitar algún dos pazos que se atopan en Ribadumia. Como no resto de Galicia, os pazos e casas grandes tiveron un importante peso no desenvolvemento local e social, polo que a súa presenza é unha constante. Ribadumia, pois, conta cun importante número de “pazos” e casas grandes. Destacan, polo seu estado de conservación, o Pazo de Barrantes, o Pazo de Quinteiro da Cruz, ou o Pazo da Pedreira. Pero ocultos, a todo o longo e ancho do concello, podemos atopar outros exemplos de construcións fidalgas, casas grandes, reitorais... Darse un paseo por Ribadumia pode proporcionar sorpresas como o Pazo do Monte, oculto no máis profundo da parroquia de Lois, tan abandonado como evocador.

• Enoturismo

Se aínda che queda tempo, outro dos encantos que Ribadumia ofrece ó visitante son as bodegas locais, de onde se transforman en viño unha boa parte dos quince millóns de quilos de uva que se recollen cada ano no Salnés. Visitar algunha destas pequenas bodegas lévanos a un mundo onde a tradición vinícola se entronca coa modernidade das máis actuais técnicas e, sen dúbida, a experiencia ben merece a pena. Son numerosas as bodegas do municipio que se atopan dentro da ruta do viño da Denominación de Orixe Rías Baixas e que poñen ao seu alcance unha ampla variedade de actividades de lecer para que, tanto se es un amante do mundo destes caldos, como se simplemente buscas unha experiencia diferente, poidas apreciar todos os matices que agocha a terra do viño Rías Baixas.