O meu Concello  

Monte do Castro

Nun outeiro Ribadumia agocha un importante legado arqueolóxico: O Castro de Besomaño.

O Xacemento arqueolóxico do Monte do Castro está situado entre as parroquias de Leiro e Besomaño, no Concello de Ribadumia. Tipograficamente emprázase sobre un alto cun amplo dominio do val final do río Umia.

O xacemento non é só un ben arqueolóxico, é un ben cultural que nos fala do aproveitamento do monte ou da extración de pedras, xa que se conservan as pegadas de antigas canteiras tanto no seu perímetro como no seu interior, que aínda que alteran en parte a topografía orixinal informan de como o Monte era un recurso económico para os veciños.

O castro presenta unhas dimensións medias no contexto do poboamento característico da Idade do Ferro e no val do Umia parece ser un dos de maior envergadura.

Polo que sabemos das intervencións promovidas polo Concello de Ribadumia e a Deputación de Pontevedra, pode avanzarse que o Monte do Castro foi obxecto dunha ocupación e reocupación densa desde o século IV a.C. ata o século I d.C., momento no que é destruído (pola acción do lume, posiblemente intencionado) e abandonado definitivamente.

Actualmente as obras de estudo non están concluídas, polo que o Monte do Castro inda podería agochar algunha sorpresa máis, pero xa se considera un castro de gran valor polo seu estado de conservación e pola gran cantidade de información que proporcionou os arqueólogos. Ademais inda falta por determinar a orixe do misterioso incendio e abandono no que parece que quedou un bo día, sen que ninguén volvese a vivir nel.

Achegarse ao Castro de Besomaño, camiñar por entre os restos do poboado, observar as vistas do Salnés desde o alto da súa coroa, é unha interesante maneira de axexar no noso pasado, e de recuperar a sensación que os poboadores doutra época tiñan cando miraban desde alí arriba un mundo no que non había asfalto nin formigón.

 

A Ponte dos Padriños

No lugar de Ponte Arnelas, nos limites do noso concello con Vilanova e Cambados, encontramos a ponte medieval denominada Ponte dos Padriños. O seu nome débese a un antigo ritual de fertilidade, resto dunha época anterior ó cristianismo que aínda perduran maquillados polas formas católicas.

Pero máis aló de ritos e lendas, a ponte medieval carga cunha importante historia, pois durante séculos foi nexo de unión de ámbos dous lados do val do Salnés.

Os Pazos

Como no resto de Galicia, os pazos e casas grandes tiveron un importante peso no desenvolvemento local e social, polo que a súa presenza e unha constante. Ribadumia, pois, conta cun importante número de “pazos” e casas grandes. Destacan polo seu estado de conservación o Pazo de Barrantes, o Pazo de Quinteiro da Cruz, ou o Pazo da Pedreira. Pero ocultos a todo o longo e ancho do concello podemos atopar outros exemplos de construcións fidalgas, casas grandes, reitorais... Darse un paseo por Ribadumia pode proporcionar sorpresas como o Pazo do Monte, oculto no máis profundo da parroquia de Lois, tan abandonado como evocador.

As Igrexas

Seis son as parroquias que compoñen Ribadumia: San André de Barrantes, Santa María de Besomaño, San Xoán de Leiro, San Fins de Lois, Santa Baia de Ribadumia e San Clemenzo de Sisán. A igrexa de cada unha destas parroquias garda as súas peculiaridades. As igrexas do concello de Ribadumia son todas de datación medieval, mais as diferentes reformas e modernizacións foron mudándolle o aspecto. Visitar as igrexas de Ribadumia. Ollar os seus detalles construtivos, os restos das igrexas orixinais mesturados coas reformas mais recentes supón un percorrido pola historia do noso concello.