O meu Concello  

Sendas Fluviais

Un dos atractivos de Ribadumia sen dúbida está nas súas sendas fluviais. Máis de dez quilómetros de sendas nun entorno privilexiado e dunha gran beleza paisaxística, acompañados de muíños, lavadoiros e fontes, que aportan unha importante riqueza etnográfica.

A senda máis importante nace na ponte medieval Pontearnelas, denominada ponte do padriños, un nome que fai referencia a unha lenda que fala de antigos rituais de fertilidade, e ao carón da cala se celebra nos tres últimos días de xullo unha importante romaría, que congrega a xentes da comarca do Salnés e dos arredores, sen esquecer unha crecente afluencia turística, para acudir a actos litúrxicos e, sobre todo, para probar o polbo á feira nunha das innumerables carpas dispostas en todo o entorno do río.

Desde Pontearnelas a senda inicia un percorrido de cinco quilómetros paralelo ao río Umia por unha paraxe de ribeira de gran beleza. Logo de atravesar a ponte de Cabanelas, en cuxo entorno hai unha área recreativa, ademais das instalacións da piscina e do ximnasio municipais e tamén do clube náutico O Muíño, un referente no piragüismo a nivel mundial, chega finalmente a ponte de barrantes, onde no entorno de outra área recreativa a senda se bifurca para seguir pola beira dun dos afluentes do Umia, o Armenteira ou Rande.

Máis dun quilómetro despois está senda enlaza coa denominada ruta da pedra e da auga, unha senda que á beleza do percorrido, suma gran valor etnográfico debido a presenza de innumerables muíños e que percorre sete quilómetros máis ata chegar ao mosteiro de Armenteira.

Toda esta senda forma parte da variante espiritual do camiño Portugués, unha variante do camiño portugués a Santiago, que parte de Pontevedra, desviándose da ruta tradicional polo concello de Poio e que baixa polo outro lado do monte Castrove seguindo esta senda, ata volver a enlazar co camiño de Santiago en Vilanova, tanto a través da variante coñecida como ruta padre sarmiento como o coñecido como camiño do mar, unha ruta fluvial que chega a Santiago a través da ría de Arousa, sinalada na parte mais alta por unha liña de cruceiros de pedra.

Pero para os que busquen, Ribadumia ten outros recunchos, máis tranquilos pero de igual beleza, como o entorno dos Muíños do Batan na parroquia de Ribadumia, ou a senda do río Cañon, na parroquia de Lois.

 

Ruta da Camelia

Galicia agocha un tesouro botánico desde que os mariñeiros portugueses trouxeran desde oriente os primeiros exemplares dunha arbore que xa é tan galega como o carballo: a Camelia.

É posible, seguindo unha ruta marcada, percorrer os mellores xardíns de Galicia, onde as camelias florecen en milleiros de variedades distintas. Nese percorrido a cita ineludible é o pazo de Quinteiro da Cruz, en lois, que alberga no seu xardín botánico máis de cinco mil plantas de máis de mil especies diferentes de Camelia. Toda unha experiencia visual que non se pode deixar pasar se se visita Ribadumia.