O meu Concello  

A Situación

O concello de Ribadumia, con algo máis de vinte quilómetros cadrados, atópase encravado no centro xeográfico da comarca do Salnés, unha situación privilexiada, ademais cunha boa rede de estradas, que lle permite ter unha cómoda e rápida comunicación cos concellos colindantes, o máis afastado é O Grove, a vinte quilómetros, a mesma distancia que hai ata Pontevedra, capital da provincia.

Ademais tanto Santiago como Vigo, cos seus respectivos aeroportos, están a cincuenta quilómetros por autoestrada.

Na Historia

(Colaboración de Hernando Martínez Chantada, veciño de Ribadumia).

O concello de Ribadumia constituíuse en setembro de 1841, por desagregación do seu territorio do de Cambados. Está integrado por seis parroquias: San Clemente de Sisán, Santo André de Barrantes, Santa Baia de Ribadumia, San Xoán de Leiro, Santa María de Besomaño e San Pedro Fins de Lois.

A constitución de Cádiz decretou en 1812 que “os alcaldes, rexedores e procuradores se nomeasen por elección dos pobos”. Esta disposición abolía as xurisdicións e cotos do Antigo Réxime, que eran patrimonio señorial. Daquela a parroquia de Sisán era patrimonio da xurisdición de San Tomé do Mar; a de Barrantes estaba repartida entra as xurisdicións de Vilanova e Vilagarcía de Arousa; Ribadumia, Besomaño e Leiro pertencían á de Fefiñáns; Lois á de Vilanova de Arousa.

O proceso de constitución dos novos concellos, debido a diversos atrancos políticos, non se iniciou ata 1835. Seis anos despois, conseguiu Ribadumia un concello propio.

O territorio municipal de Ribadumia estivo habitado por poboacións humanas desde tempos prehistóricos. No museo de Pontevedra consérvanse varias pezas do neolítico encontradas en lugares do municipio. A toponimia fai referencia a mámoas: Mamuela en Ribadumia, A Medoña en Lois. Un importante xacemento castrexo, en fase de escavación arqueolóxica, sitúase entre Leiro e Besomaño. Nas estremas municipais hai outros dous castros: Sete Pías, compartido con Cambados e Vilanova, e San Cibrán, en común con Meis e Meaño.

Da época romana atopáronse restos de cerámica en diversos lugares e a evidencia de vilaes e vicus (o topónimo Besomaño fai referencia a unha delas). Do tempo dos suevos temos restos na igrexa de Leiro. Do medievo son case todas as igrexas (reformadas posteriormente), das que se conservan muros, canzorros, baldaquinos, sarcófagos, etc.

En Pontearnelas consérvase a magnífica ponte de Santo Alberte, de orixe medieval (reformada en tempos do rei Felipe II), no camiño real de Caldas a Sanxenxo, que servía tamén ás comunicacións entre Pontevedra e as vilas da banda sur da ría de Arousa.
Os fillos desta terra, como outros galegos, buscaron na emigración o sustento que precisaban as súas familias: Lisboa, Madrid e Cádiz primeiro; despois América e as tradicionais “segas de Castela”; logo Cataluña e o País Vasco; por último, os países de Europa. Fillo dun emigrante de Ribadumia foi don Raúl Alfonsín, que chegou ser Presidente da República Arxentina.

Ao respecto de feitos políticos, cave destacar o “Pacto de Barrantes”, previo á II República Española. No pazo de Barrantes, o 25 de setembro de 1930, reuniuse un grupo de destacados intelectuais e políticos galegos que, cedendo nas súas posicións ideolóxicas, foron quen de poñerse de acordo sobre o problema real do país. Asinaron un pacto que recollía que “só a autonomía plena podía darlle satisfacción aos dereitos e problemas de Galicia”.

 

A Poboación

En Ribadumia viven ao redor dos 5.100 habitantes, cunha media de idade de 42,50 anos, inferior á de Galicia, 46 anos e a española, que está nos 50 anos. Ademais o PIB, superior aos vinte e seis mil euros per capita é o máis alto da comarca e supera tamén á media de Galicia.

Isto en conxunto móstranos que Ribadumia é un concello novo, avalado polos máis de seiscentos nenos que acoden aos centros educativos municipais, e que supoñen máis do dez por cento da poboación.

A Paisaxe

A auga, fonte de vida, corre por Ribadumia a través de innumerables regatos, que se funden co río Umia, eixe da comarca e deste concello, o que por dar, dálle ata o nome. Co Umia como protagonista principal, Ribadumia convertese nun escenario paisaxístico excepcional, cun importante patrimonio natural e etnográfico.

Regatos, fontes, muíños, lavadoiros... falan da historia agrícola do noso concello, que na actualidade se recupera para a nosa memoria grazas aos traballos de recuperación etnográfica, completados con diferentes sendas fluviais que ofrecen así algo máis que un paseo agradable nun entorno idílico, pois ao mesmo tempo que percorren as ribeiras dos ríos e regatos, móstrannos imaxes duns tempos que non quedan tan atrás, e sen embargo parecen moi afastados.