A Alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, convida a todas as persoas maiores de 60 anos do municipio á XIX Xuntanza Anual que se organiza na Carballeira de Ribadumia. A xuntanza de confraternidade será o domingo 19 de agosto e o tempo de inscrición xa está aberto nas oficinas municipais ata o día 14. O obxectivo desta xornada é promover actividades de confraternidade e de convivencia entre os veciños máis maiores de Ribadumia, e promover o envellecemento activo das persoas participantes.
A programación inclúe unha misa ao aire libre, a comida de confraternidade e a actuación do dúo musical Azabache. Ademais de todo isto, tamén se inclúen xogos tradicionais e premios para os participantes de maior idade. Desde o Concello de Ribadumia, Salomé Peña anima a todos os maiores a participar nesta xornada e para iso un autobús pasará a recollelos por cada unha das parroquias e achegalos finalmente á Carballeira de Ribadumia.
A participación nestas xuntanzas aumentou notablemente desde os seus inicios, xa que nas primeiras edicións participaban entre vinte e corenta persoas, mentres que os últimos anos o grupo superou os 250 comensais. Segundo explica a alcaldesa, “estas convivencias, que nos permiten reunirnos e disfrutar cos nosos veciños e amigos, e a ocupación do tempo libre son de vital importancia para o colectivo da terceira idade, polo que lles animamos a participar e gozar desta xuntanza”.
Desde o Concello de Ribadumia, concretamente desde a Concellería de Servizos Sociais, organízanse anualmente numerosas actividades destinadas ao colectivo da terceira idade, que inclúen actividades lúdicas e deportivas para ocupar o seu tempo libre –ximnasia de mantemento, clases de informática, talleres de memoria...-.
Concello de Ribadumia - concello.ribadumia@eidolocal.es
Avda. de Ribadumia, 3 - 36636 - Ribadumia (Pontevedra)
Tel.: 986 718 491 / 986 718 499 / 986 710 844 - Fax: 986 716 393