O meu Concello  

Enoturismo

Outro dos encantos que Ribadumia ofrece o visitante son as bodegas locais, de onde se transforman en viño unha boa parte dos quince millóns de quilos de uva que se recollen cada ano no Salnés. Visitar algunha destas pequenas bodegas lévanos a un mundo onde a tradición vinícola se entronca coa modernidade das máis actuais técnicas, e sen dúbida a experiencia ben merece a pena.

Pero Ribadumia agocha un pequeno segredo vinícola, o coñecido como “tinto barrantes”, unha variedade local, que goza de gran aceptación a pesares de non ser considerado unha variedade comercial por tratarse dunha cepa “hibrida”. O “tinto Barrantes” ou “folla redonda” cultivase dende fai mais dun cento de anos nas casas dos nosos veciños ribadumienses; un viño escuro e de baixa graduación, que foi cantado por grandes autores do nosos país, como Cabanillas ou Cunqueiro, e que combina moi ben cos alimentos tradicionais, como o cocido galego, a empanada, o churrasco ou mesmo o polbo á feira, co que forma un dúo perfecto, como se pode comprobar na Festa do Viño Tinto do Salnés, que se celebra cada primeiro fin de semana de xuño en Barrantes, un evento con case cincuenta anos de historia e que ten unha gran repercusión social.